A Ludoteca Mariñeira é unha iniciativa de Buguina Turismo Cultural e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro (A Guarda).  Contamos cunha escolma de xogos e actividades que teñen como nexo común o patrimonio do mar e dos ríos.

A Ludoteca Mariñeira parte dun principio básico de promoción da igualdade de xénero e en contra da violencia; en coherencia a nosa escolma de xogos respeta e promove estes valores.

A Ludoteca Mariñeira artéllase a partir de xogos adaptados, xogos inventados e xogos mercados, alén dalgúns pasatempos que traballan o vocabulario do patrimonio marítimo e fluvial (artes de pesca, aparellos, partes de embarcacións, etcétera).

A Ludoteca Mariñeira forma parte das Ludotecas Viaxeiras, un proxecto de ludotecas itinerantes que se desplazan polo mundo adiante defendendo a importancia do xogo na educación de cada individuo e no conxunto da sociedade. O traballo en rede das Ludotecas Viaxeiras conta con iniciativas como Ludoteca Brincallona (xogos a partir de materiais de refugallo), Ludoteca do Mundo (xogos de diferentes culturas), Ludoteca de Xogos Antigos, Ludoteca do Rei Sabio, Ludoteca Galega (xogos feitos en Galicia) e Ludoteca Mochileira (xogos de pouco peso e tamaño que caben ben nunha mochiliña).

XOGOS ADAPTADOS

A partir de xogos xa existentes adaptamos o formato (deseño de taboleiro, fichas...) á elementos do patrimonio marítimo e fluvial.

Partimos de xogos antigos, xogos de diferentes culturas, xogos de sempre que nalgúns casos son ben coñecidos e noutros se cadra vos sorprendemos un pouquiño ;)

XOGOS MERCADOS

O noso equipo de investigación non para de fedellar en tendas, feiras e páxinas web na procura de xogos onde o mar, os ríos, a navegacións ou as artes de pesca están presentes. Hai un traballo inmenso de documentación para escoller aqueles xogos que corresponden cos valores que queremos transmitir, xa que para nós o xogo é unha cousa moi seria e rexeitamos aquelas propostas nas que haxa contido violentos ou machistas.

XOGOS PROPIOS

De cando en vez a cabeciña bota fume e para non estoupar dásenos por crear xogos propios para tentar transmitir un contido concreto. Por exemplo, tipos de peixes e mariscos. Temos feito xogos de emparellar imaxes, outros de asociar nomes coa imaxe, e mesmo algunha que outra "sopa de letras" para traballar nomes de aparellos empregados na pesca ou na navegación, así como elementos de embarcacións.

DIFUNDINDO PATRIMONIO

A Ludoteca Mariñeira leva dende o 2019 realizando actividades que transmiten unha parte imprescindible do patrimonio cultural e natural galego, aquel que está ligado ao mar e aos ríos. É o noso xeito de homenaxear aos milleiros de galegas e galegos que adican á súa vida á pesca e o marisqueo, sexa nas nosas costas e ribeiras, sexa noutros océanos polo mundo adiante.

 

.
 

Ludoteca Mariñeira 2020
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar